Despois das últimas semanas xogando a ser analista xeopolítico e pensando que todas as persoas estaban tan pendentes coma min de Catalunya, Gaza, Liberia ou da porcentaxe do PIB que supón a débeda espanhola, chegaron aos meu ouvidos umhas voces que apagaron de súpeto todo o ruido de fondo. O tema de conversa na mesa cabo da minha versaba sobre a mudanza de casa dumha das persoas do grupo. O caso era que xa non podía aguantar máis a vida de retiro que levaba e vinha a vivir para o centro da cidade. Apuntalando o fenómeno, engadía outra das participantes "es que donde tú vivías, hija..." en alusión á lonxanía e á incomunicación que a pobre tivera que sufrir con paciencia franciscana nos últimos anos. Na realidade, a persoa en cuestión vivía na Lonia e ía trasladarse á rúa Sáenz Díez (para quen non conheza a cidade de Ourense, a distancia entre ambos puntos é de escasamente un quilómetro). Outras lindezas saíron na conversa, tais como que Ourense é a única cidade que non ten Mercadona no centro ou a cuase depresión sufrida pola nosa protagonista ao ter que vivir tan á marxe da civilización e traballar nas instalacións que a Xunta de Galiza ten no campus universitario... e é que só vía “monte” na súa vida!
Lembreime doutra conversa á que asistín na semana pasada, onde un cliente -mentres lía o xornal- perguntaba estranhado onde estaría Sta. Teresita, pois acababan de inaugurar un parque e non lle soaba para nada esa rúa... Despois de ler un pouco o artigo descubriu o nome dalgumhas rúas, o que lle axudou a deducir que o outro debía ser o nome dun barrio ou algo así. A rúa en cuestión era Río Limia e seguía sen saber da existencia da mesma (como de probablemente o 80-90% do rueiro) e así llo transmitiu á camareira quen, despois de cavilar un anaco, respostou como se se lle acendera umha bombilla... "Ah, sí! Las calles de los ríos son después del puente de los romanos, desde allí hasta... uuuu muy lejos".
Se non somos quen de conhecer e
preocuparnos do noso contorno, en que medida nos vai interesar a actualidade
política do mundo, do Estado ou mesmo do país. Os "centros" sempre foron perigosos neste senso,
tendo umha obriga divina de nos
desprazar a Madrid, Santiago, a capital de provincia ou ao centro da cidade,
conforme o ámbito o requerira. O pior parado nesta relación, contra do que poida
parecer, é quen non se despraza, que perde opción de ver, conhecer, aprender ou
compartir, estancándose e abrazando o embigo-centrismo como dogma de fe.
A desafección e a pouca formación que en épocas pretéritas eran atribuídas ás persoas
que habitaban no rural, trasladáronse na actualidade aos centros das urbes, nomeadamente
daquelas que viven dumha apariencia constante e que apostan pola cor da
mediocridade para tinguir as institucións e postos de responsabilidade pública.
Todos
somos un pouco pailans, é certo. E disto saben tirar proveito os máis espelidos
da comunidade, que se fartan de vendernos calefacción para o verán e pastillas
para viaxes interestelares. Até que deixemos de mirarnos o embigo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario