25 de nov. de 2013

OUFF!! Xa pasou...

E alá foi outro ano.
As avaliacións, probablemente xa escritas con anterioridade á celebración do propio festival, seguen confirmándonos que a actual edición foi un éxito, máis aínda contando coas circunstancias adversas actuais que dificultan un óptimo desenvolvemento das accións desexadas. Así as cousas, detectamos un incremento de público en comparanza con outras edicións, constatando ademáis a maior afluencia de xoves espectadores e bla bla bla...

Este tipo de análises sempre me provocaron -por que non dicilo?- un pouco de sarpullido, a verdade. A xeito de leria, lembro umha tertulia na que alguén contara umha historia sobre a festa do polbo do Carballinho, creo lembrar que se trataba do tristemente finado Antonio Tabarés, tan vital e falador como boa persoa. Dicía que cometeran o erro nas primeiras edicións de daren cifras que cuase duplicaban ás do ano anterior, o que os "obrigou" a ir incrementando o número de participantes até as cifras da actualidade; números que, cuando menos, son ben "curiosos".

Pois ben, ao noso OUFF pásalle un pouco o mesmo. Como non hai nada que analizar no que atinxe á trascendencia do evento, tanto no ámbito cultural como económico, centramos o foco no número de butacas que ocupamos, sen ter en conta a merma no número de salas de exibición, a reducción de actividades paralelas ou a permeabilidade que o propio festival ten na cidadanía.

E velaí que temos ao "mozo" con 18 anos cumpridos e con tantas variantes, retoques e reinvencións como políticos e aspirantes pasaron polos postos de responsabilidade do OFF, Festival de Cine, Festival de Cinema, OUFF...

Non hai profusión de planas nin de encuadres. Abonda con umha plana enteira dos responsables de cada edición cun sorriso de dentífrico e defendendo cadaquén o logotipo da súa leira (estes que se vexan ben) para facer a foto-fixa de cada edición. Do demáis, pouco que dicer... Consiste básicamente na proxección dun feixe de películas de "difícil" acceso (desde que existe Internet, esta dificultade é muito menor) ao longo dumha semana e a un prezo esaxerado para o contribuínte. Do cinema -como arte ou como industria- pouco queda na cidade. Lamentablemente, a minha opinión sobre o evento en si segue sen variar desde hai muitos anos. Neste mesmo blog xa incluín entradas ao respeito nos 2 anos anteriores.

Cuando invertimos tanto dinheiro público numha marca e chegamos aos 18 anos, umha porcentaxe moi elevada da cidade debera saber respostar -polo menos- a cuestións tan básicas como en que consiste, onde se desenvolve e en que datas se celebra. Respostas que tristemente non atopamos se damos un paseo pola cidade, preferentemente fóra da "milla auriense".

Hai algún tempo, a fotógrafa e amiga Rosa Veiga, pasoume a foto que acompanho nesta entrada, feita o 10 de novembro do 1996 no vestíbulo do Teatro Principal. Era umha boa parte do equipo organizador con algúns premiados na xornada de clausura da primeira edición daquel OFF. Mirándoa máis umha vez, non podo deixar de sentir certas saudades. Non só por ver a algumhas persoas que xa non están con nós, como o Eloi ou o Rober, senón ao pensar no que puido ser e non foi.

Mentres outros certames como CINEUROPA ou Cans seguen umha traxectoria ascendente, asentándose no mercado da exibición cinematográfica e audiovisual, Ourense segue buscando as respostas a COMO, PARA QUE, ou PARA QUEN cómpre umha estrutura como a do OUFF xerando un importante gasto corrente anual á cidadanía ourensá e aportando pouco máis que 3 proxeccións cinematográficas ao día durante 1 semana ao ano.



2 comentarios:

  1. Véxote vital, o que me alegra muito. Mais, se temos algo nas nosas mans que poidamos facer...pois é unha mágoa que escaparates, puntos de encontro e de intercambio,esponxas do que se fai por lonxe non teñan vida longa, tan necesitados como estamos hoxe en día de que aire fresco circule polas nosas vidas e o audiovisual pode aportar unha boa dose.

    ResponderEliminar
  2. Non che falta razón, meu, como de costume. Mais o caso do OUFF -por desgraza- pocuo aporta á parte da "necesidade" de manter o chiringuito

    ResponderEliminar