Hai uns días inteireime da nova. O irmán máis novo do meu
pai ten Alzheimer. E é o cuarto xa, de nove irmáns, con esta doenza... Non
puiden evitar umha lembranza aos outros tíos coa mesma enfermidade, ao meu pai,
que xa non ven xantar os domingos á casa (aínda que como ben sabe a Lara, está
velando por nós xunto á avoa) e mesmo ao presidente Suárez ou ao propio
Maragall, cuxa fundación -parafraseando ao presidente recentemente finado- está
facendo muito por elevar á categoría de normal umha "malantía" que na
rúa xa é simplemente normal.
Non podo deixar de pensar na predisposición xenética ou nas
posibilidades que a vida me asigne para sufrir esta doenza, o que me provoca
que escriba un chisco máis rápido tentando ganharlle umha carreira ao
esquecimento.Por outra parte, tamén me ven ao maxín o fráxil que temos a
memoria na sociedade, esquecendo, manipulando ou mesmo maquillando todos
aqueles anacos da nosa Historia que preferimos negar antes que aprender deles.
O que non consigo imaxinar de ningún xeito é o feito de non
reconhecer á minha filla nin siquer lembrar o amor que sinto por ela. Só me
tranquiliza pensar en que estará mui perto de min e non me terá por umha desas
cousas do seu pasado que é mellor esquecer e negar. Xusto o mesmo que temos que
lle ofrecer ás persoas e aos familiares que hoxe están sufrindo esta
enfermidade. Porque cicais, entre outras cousas, só tenhamos que facer un pequeno
esforzo por traballar outros estímulos, outras linguaxes, outros xeitos de
amosar o noso afecto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario