8 de abr. de 2013

Margallo e a marca Espanha

-->Non lembro outra etapa na minha vida na que o nacionalismo espanhol estivera tan de moda, o que me xenera un certo desacougo pois cada vez que isto ocorreu na historia peninsular veu acompanhado dun grande retroceso e de milleiros de mortes.
Ouvindo falar hai uns días ao ministro Margallo da imputación de Cristina de Borbón e da marca Espanha (que xa repite máis ca un bocata de chourizo picante), non puiden menos ca sentirme ofendido por varias cuestións.
-->
A primeira foi descubrir que o responsábel da política exterior espanhola non acredita na igualdade de todos os espanhois diante da lei, ao considerar o perxuízo que lle podería causar á inestabilidade do Estado a comparecencia da Infanta perante o xuiz.

Doutra parte está o seu desconhecimento da realidade actual (ou a súa negación, que sería pior), ao aseverar que a imputación da infanta Cristina perxudicaría a marca Espanha. Se tal como está o patio aínda non temos a imaxe perxudicada, nunca a teremos. Lembremos que á parte da adversa situación económica e das dúcias de políticos e axentes sociais imputados en asuntos de corrupción, temos aos máximos responsábeis de 2 dos 3 poderes do Estado "metidos en farinha" en asuntos mui turbios de delictos fiscais, evasión de capitais ou malversación de fondos, aos que lle poderiamos engadir ao propio Xefe de Estado (que xa folga cualquer comentario sobre as últimas novas que [non] nos van chegando desde a Zarzuela). Podería enumerar un bon feixe de "repúblicas bananeras" con menos casos de corrupción e desestabilidade dos que sofre o noso Estado.

Se existira realmente umha marca Espanha, igual lles era mellor deixar de aireala tanto e agardar a que as cousas por aquí estiveran un pouco máis tranquilas, evitando así as nocivas asociacións que a imaxe pode sufir con un Estado decadente, corrompido e improdutivo.

2 comentarios:

  1. Margallo está dentro da media de intelixencia deste goberno que nun ano e pouco pasou de recibir o 44,6% dos votos a obter hoxe un apoio de so o 24,5%. A Espanha, que tanto aman como marca [comercial], estana destruíndo eles soíños dada a súa maioría absoluta parlamentar.
    Despois de declararse insolventes e indocumentados tendo que contradicir o seu propio programa electoral, despois de tardar 4 meses en facer uns orzamentos por motivos estritamente electorais e perder -eleccións andaluzas-, instaurar practicamente o despido libre, sabotear o sistema público de saúde e de educación, ofrecer vidas á usura ludópata da banca que nos expulsan das nosas vivendas impunemente, provocar que chegue a 12 millóns o número de persoas en situación de pobreza, aumentar en mais de 600.000 o número de parados, trincar con e sen Bárcenas, dende os Concellos ata a realeza, criminalizar as protestas cidadáns, reclamar censura previa na prensa e pretender limitar a liberdade de manifestación, aumentar o grao de violencia e presión sobre os mais débiles xa sexa a golpe de pelota de goma ou a golpe de decreto lei aumentando o IVE e diminuíndo prestacións sociais, recoñecer que non teñen capacidade de manobra fronte ás decisións europeas... despois de este guión somero de absoluta falta de respecto ao seu pais e aos seus cidadáns, de provocación e violencia de estado, de que coño fala este individuo co da «marca Espanha»? Onde vai que a teñen destrozada a súa maraca [comercial] querida.

    ResponderEliminar