25 de nov. de 2011

Apuntamentos eleitorais


Xa pasou cuase umha semana desde a celebración das eleccións xerais en Espanha e, sen azos de querer converterme en analista eleitoral (máis do que cualquer cidadán arredor dumha taza de café), si quería traer aquí algumhas reflexións mui puntuais ao respeito.

Os 2 partidos que alternan desde 1982 nos governos do Estado perderon a confianza de cuase 4 millóns de votantes (perda auspiciada nomeadamente polo partido que sustentaba até agora o governo), circunstancia esta que outorga un sonoro suspenso ao xeito de “facer política” demostrado nos últimos anos.

Primeiro: O PP ganhou indiscutiblemente as eleccións. Coas reglas que temos, comúns para todos, e os resultados do domingo, a candidatura de Rajoy obtén sen ningún tipo de discusión a maioría absoluta para governar o Estado.

Segundo: A maioría absoluta do PP forxouse nun 30 % do eleitorado (é dicer, votaron PP menos dun tercio dos espanhois con direito a voto, poucos máis dos que ficaron na casa sen ir votar). Este feito –por forza- debería de facer reflexionar sobre a pouca proporcionalidade na composición das Cortes.

Terceiro: O PSOE levou o batacazo máis grande da súa historia. Cicais non venha mal aprender que os experimentos fanse con gasosa e non con ideoloxías (aínda que no caso do PSOE, isto último excasee). A perda de confianza nos socialistas por parte de máis de 4 millóns de eleitores foi –sen lugar a dúbida- a principal causa da maioría absoluta do PP, xa que un bon número deses 4 millóns non acadaron representatividade en ningún escano.

Cuarto: O PP obtivo 500.000 votos máis ca nos anteriores comicios, polo que a súa maioría absoluta fórxase na súa masa eleitoral e pouco máis. Non consegue un trasvase importante dos 4 millóns que deixan de votar ao anterior governo e apostan por outras forzas ou por ficar na casa

Quinto: O voto nulo duplicouse. A suma de votos nulos e brancos foi de 650.000

Sexto: Os partidos chamados minoritarios cuase duplican a súa presenza no Parlamento, pasando de 27 a 51 escanos (devolvendo á Cámara Baixa un colorido que non tinha desde varias lexislaturas atrás). Cousa a ter en conta aquí é a escasa proporcionalidade outorgada a estas forzas, que reciben o 21,95% dos votos válidos para os 51 escanos, mentres o PSOE consegue máis do doble de escanos (110) cun escaso 7% de diferenza (28,73%).

Sétimo: No ámbito local, o BNG non consegue -por enésima vez- invertir a súa traxectoria descendente (iniciada xa vai para 10 anos). Nin siquer cuando a sangría de votos perdida polo PSdG se espalla entre o resto das forzas políticas. Extrapolando os resultados, na cidade de Ourense estarían a piques de perder un novo concelleiro.

É de lamentar que forzas como Equo ficaran ás portas de acadar a representación parlamentar. Este feito, xunto aos millóns de votos acadados por IU e UPyD traducidos nun reducido número de escanos, debería de nos ponher mans á obra para reformar o proceso eleitoral na procura dumha maior proporcionalidade na composición das Cortes. Mais ollo, que esa reforma non se convirta en umha caza de bruxas contra dos partidos máis débiles, que estes días ouvense ideas mui pelegrinas que mesmo meten medo. E para ruborizarnos xa abondou con aquela Subcomisión creada no 2008 e disolvida no 2010 para a reforma eleitoral.

Neste senso, cuando escoito á Rosa Díez laiarse da proporcionalidade dos escanos, non vexo que faga referencia a Euscadi, onde os deputados de Guipúzcoa chegan a triplicar o “custe” en votos dos de Álava. Precisamente grazas a isto UPyD ten representación na Cámara basca, acadando 1 escano con pouco máis do 2% dos sufraxios, mentres que para acadar este escano, EA (por exemplo) ten que obter o 3,68 %.

Para rematar, tristemente constato que umha vez a política se converteu nun sector económico, nun xeito de vida, o governo do pobo e a conexión coa realidade víronse seriamente danadas; centrándose os intereses dos nosos políticos no control do aparato; é dicer, faise máis interesante ter poder sobre o partido que vai decidir quen ocupa as cadeiras nos escanos dos distintos parlamentos e concellos que luitar por intervir no futuro do pobo ao que representan.








9 comentarios:

  1. A pouco que analicemos os resultados decatámonos de que a actual Lei Electoral está dirixida a consolidar o bipartidismo. Se en vez de ter circunscricións provinciais se outorgaran os escanos nunha circunscrición única (todo o Estado) o reparto variaría considerabelmente. Con circunscrición estatal, os partidos máis sobrerepresentados nestes comicios son: PP con 186 escanos cando lle corresponderían 161 (25 escanos de máis) e PSOE con 110 cando lle corresponderían 103 (7 escanos de máis). Os partidos máis infrarepresentados son: IU-LV (Esquerda Unida) con 11 cando lle corresponderían 25 e UPyD con 5 cando lle corresponderían 17.
    En canto a representación dos partidos que se presentan só nun territorio do Estado podemos comprobar (contradicindo unha opinión xeneralizada e interesada) que non son especialmente beneficiados coa lexislación actual, senón que están máis ou menos compensados pois con circunscrición estatal sacarían os seguintes resultados: AMAIUR de 7 a 5 (2 escanos menos); CIU pasaría de 16 a 15 (1 escano menos); Geroa-Bai de 1 a 0 (perdería o seu representante); ERC de 3 a 4 (1 escano máis); BNG de 2 a 3 (1 escano máis); Compromís de 1 a 2 (1 escano máis); PA de 0 a 1 (obtería representación); PNV quedaría cos 5 escanos actuais; Coalición Canaria cos 2 actuais e Foro Asturias co seu escano actual. Por outra banda ECUO pasaría de 0 a 3 (gañaría 3); PAGMA de 0 a 2 (gañaría 2) e Escanos en Branco de 0 A 1 (gañaría 1).
    Como vemos cunha circunscrición única estatal habería un Parlamento moito máis plural onde se vería reflectida dunha maneira máis obxectiva a soberanía popular estatal. O Senado debería converterse realmente nunha cámara de representación territorial con competencias propias para consolidar definitivamente o modelo autonómico estatal.

    ResponderEliminar
  2. Si Valente, o que habería que ter en conta tamén é se nesa circunscripción única se inclúe tamén o 3% mínimo de sufraxios para entrar no reparto de escanos ou non, que o resultado pode variar muito conforme se faga dun xeito ou doutro. Por outra parte, tamén podemos pensar en que os partidos concorrentes só nun pequeno número de territorios, pasarían a recibir votos de todo o Estado (cousa que actualmente non ocorre), aínda que isto sexa –con toda seguridade- insignificante.
    Outra posibilidade, máis acaída coa estrutura do Estado, sería a circunscripción autonómica, onde extrapolando os resultados serían mui semellantes aos que expós enriba. Claro, non debemos esquecer que a Constitución marca no art. 68 que a circunscripción eleitoral será a provincia; así que, ou reformamos iso que é totalmente intocábel (a non ser que sexa para satisfacer aos mercados, claro), ou pasamos a denominar provincias ás autonomías.

    ResponderEliminar
  3. Os puntos da análise parécenme correctos, estou especialmente de acordo co último parágrafo, non temos políticos, temos funcionarios da política.

    Só engadiría un punto máis, a pesares da caída do PSOE (4.000.000 e un 15%) IU tan só recolleu 700.000 e un 3%, iso non é culpa da lei electoral, hai anos e con esta mesma lei creo lembrar que acadaran 27 ou 28 escanos e sen hecatombe do PSOE. Chegado o caso recoméndolles fichar como candidato a Mourinho, seguro que se lle ocorren desculpas máis orixinais.

    Tampouco estou de acordo en que Equo quedou as portas, quedouse na entrada da finca..., agás en Baleares e Valencia, onde ía en coalición, non chegou ao 2% en ningunha circunscrición..., con eses resultados non se pode aspirar a escano, agás que prescindamos das provincias e pretendamos unha circunscrición única, algo co que eu non estaría de acordo, primeiro porque nos podemos pór no caso contrario, en Ourense un partido que obtivese 65.000 votos (sobre un 30%) quedaría sen escano, incluso con 130.000 e un 63% tan só obtería 1. E segundo, perderíase a relación do deputado coa súa circunscrición. Que resulta que simplemente lle dan a un botón en lugar de defender os intereses dos seus votantes? Certo, pero iso non é culpa da lei electoral, máis ben dos votantes que non lles esiximos nada aos nosos representantes. Xa agora non se ocupan dos problemas da provincia, que pasaría cunha circunscrición única? O que si cambiaría sería o reparto mediante a lei D’Hondt, que favorece claramente aos partidos maioritarios.

    E unha última cousa, eu botaríalle a culpa do fracaso da esquerda á falla absoluta dun proxecto convincente, e neste saco meto a IU e BNG. Máis proxecto, ideas e traballo e menos queixas. Ai non, que segundo eles os resultados foron bos ,en que andarei a pensar.....

    ResponderEliminar
  4. Por suposto que na circunscrición única a nivel estatal da que falo non habería ningún mínimo de votos para entrar no reparto de escanos (todos os votos deben valer o mesmo en todo o Estado).
    Por outra banda, reformaría a Constitución para que o Parlamento representara á soberanía popular estatal con circunscrición única e o Senado fose realmente a cámara de representación territorial cunhas competencias propias e específicas. Penso que o Senado debería estar formado por representantes elixidos polos parlamentos das distintas Comunidades Autónomas e irse renovando parcialmente cada vez que nunha Comunidade se celebran eleccións. Tamén institucionalizaría unha Conferencia de Presidentes de Comunidades Autónomas que se celebraría (de forma ordinaria) anualmente para tratar os temas xerais dos distintos territorios do Estado e para pechar acordos colaboración e cooperación.

    ResponderEliminar
  5. Sigo sen estar de acordo coa circunscrición única, prefiro o modelo das xerais que o das europeas, que nin sabes quen vai nin quen non, na miña opinión ten que haber un certo achegamento entre elixidos e electores. Que os electores non esixan despois responsabilidades é un problema distinto.Tamén me parece correcto unha certa discriminación positiva para aquelas provincias con menor poboación, igual se podería cambiar algo, creo que na actualidade o mínimo é de 2 deputados por provincia e o resto se reparte segundo a poboación, pero paréceme importante que unha provincia por pequena que sexa teña representación. Ademais un cambio cara unha única circunscrición acompañada dunha redución de escanos “para aforrar” deixaría fóra a boa parte dos partidos minoritarios. Non vai pasar porque en Euskadi e Catalunya se montaría a mundial, pero estou seguro que esa reforma o PSOE e o PP a aplaudirían coas orellas. Pasaría igual mantendo o número de deputados e o límite do 3%, particularmente penso que se se chegara a facer algo así o límite o establecerían no 1%, dese xeito deixarían fóra a algúns dos partidos minoritarios. Máis do 1% non porque entón se quedaría fóra o PNV, e sexamos sensatos, non hai ...narices.

    Para min o Senado sobra. Igual se pode facer algo de carácter consultivo na liña da conferencia de presidentes, pero nese caso sobran a maioría dos senadores. E tamén habería que andar con coidado coas competencias que se lle darían, neste intre non sirve para nada, pero se se lle dan demasiadas podería pasar a ser unha cámara de bloqueo similar á dos USA. Ademais ocorre unha cousa curiosa, a pesares de que son listas abertas ao final o resultado é moito máis pechado que no Congreso. Para o partido maioritario é máis doado obter a maioría no Senado que no Congreso, así que se podería dar o caso de que un partido que non tivese maioría para gobernar puidese bloquear a acción do goberno dende o Senado. E insisto, neste caso non falla o sistema de listas abertas, fallamos nós ao non sabelas usar correctamente.

    ResponderEliminar
  6. Ten sentido pensar que umha circunscrición estatal melloraría a proporcionalidade cuando se vive en umha cidade (máis aínda se é grande) ou cuando se desconhece a realidade do territorio ao que se quer representar (iso que din Espanha). Mais cuando somos de Ourense...

    Aquí, grande parte da poboación conhecemos aos candidatos que concorren ás eleccións, mesmo podemos coincidir con eles pola rúa; algo que non ocorriría con umha circunscrición estatal, onde os candidatos “locais” terían mui poucas (ou ningumhas) posibilidades de sentar no Parlamento.

    A proporcionalidade obtida pola circunscrición estatal estaría desta volta “viciada” pola forte influencia de Madrid e Barcelona (onde se concentra máis do 20% da poboación do Estado) e esquecería as intervencións e investimentos na maior parte do territorio.

    As circunscricións eleitorais territoriais favorecen a descentralización dos partidos, polo que democratizan a elección candidatos, a representación de territorios con pouco peso demográfico, a representación das minorías territorialmente concentradas e a proximidade cos eleitores. Por outra parte, mesmo poderiamos dicer que favorecen os procesos de listas abertas, algo verdadeiramente mui complexo se pensamos en umha circunscrición única.

    Se non fora tan complicado reformar a Constitución (hehe, vai con sorna), e puidesemos tocar os artigos 68 e 69, eu proponhería que a circunscrición fose autonómica. Algo máis acaído á nosa realidade social e política. E postos a reformar, o Senado -non hai discusión- non pinta nada. Umha cámara é dabondo para cumprir os cometidos das Cortes. E se seguimos reducindo custes duplicados e absurdos, tamén poderiamos falar das instalacións dalgúns ministerios que non tenhen atribución algumha (agora mesmo estame vindo á cabeza o edificio do Ministerio de Sanidade no Paseo do Prado), mais ese é outro conto

    ResponderEliminar
  7. O realmente importante é que se abra o debate sobre o sistema electoral, pois no proceso de discusión aparecerán opcións (que ao mellor agora non estamos valorando) nas que se poida acadar un sistema máis xusto e proporcional onde se vexa reflectida a pluralidade da cidadanía ademais de atoparse plenamente representados os distintos territorios do Estado.

    ResponderEliminar
  8. Parece ser que Espe non pasa por aquí, haberá que enviarlle o enlace..

    http://www.publico.es/espana/409732/aguirre-plantea-una-reforma-electoral-que-deja-todo-igual

    ResponderEliminar
  9. Igual temos que acunhar un novo termo, que xa se ouve por aí: o "espemandering"...

    ResponderEliminar