7 de nov. de 2016

Que queres ser de maior?


Isoutro día preguntáronlle á minha filla que quería ser de maior. Ela, cautelosa, gardou silencio como non entendendo o sentido da cuestión que lle formulaban por vez primeira. Decorridos uns segundos, espetounos en voz baixa e coa seguridade dumha persoa libre de aparencias e convencións sociais: cantante.


Esta pregunta inocente, que nos ensinaron a facerlle aos nosos filllos [e nas últimas xeracións, tamén ás nosas fillas], revela varias cousas. Por umha parte, efectivamente, fomenta a descoberta do mundo, da contorna, das ocupacións ou dos xeitos de ser ou vivir. Por outra –máis gris- cicais sexa o primeiro paso para decatarnos/ensinarnos que os seres humáns non somos máis ca ferramentas de traballo. Ferramentas de traballo produtoras de cualquer cousa susceptíbel de ser vendida, aínda que despois non tenha maior utilidade nin aporte absolutamente nada ás nosas vidas máis aló do circo creado para manter a orde mundial.

Non están de moda os valores. Non está de moda o pensamento, o conhecemento nin as emocións. Se umha nena ou un neno tiver a ocorrencia de dicir que de maior quer ser umha boa persoa, ou máis agarimosa, ou umha pensadora ou mesmo umha inventora; adicariamoslle un sorriso condescendente antes de explicarlle con tenrura -para que aprendera a súa tarefa neste mundo- que iso está moi ben pero o que vai ter que decidir é o que quer ser “de verdade”. Porque o “de verdade” é o que entra no sistema produtivo da multi-ferramenta que pasou a ser a humanidade. Mentres, a creatividade, o pensamento e os sentimentos (ou sexa, a vida mesma) conforman simples pasatempos aos que adicar o tempo libre se as nosas ocupacións o permiten.

O ser humán xa non é umha persoa. Nalgún momento deixamos de autodefinirnos como tal para pasar a sermos "recursos humáns”, termo que repetimos mesmo con fachenda, convencidos de empregar umha terminoloxía moderna, acorde cos tempos. Velahí que o mundo estea dividido entre recursos humáns e recursos materiais, sen ter moi claro –cada vez menos- cuais son os máis importantes. Gostamos de empregar aquel eufemismo neoliberal para referirnos ás persoas porque non gostamos que nos avinagren o café coa mala nova dalguén que viviu, riu, amou... e decidiu segar a súa vida por non poder manter o teito baixo o que vivían os seus fillos.

O xugo co que a nobreza oprimía ao pobo na Idade Media non era senón o herdeiro doutras formas de escravismo postas en práctica na antigüidade, e o precursor do capitalismo máis salvaxe dominado polas oligarquías e a banca na actualidade. Tempos difíciles os que ventan un país no que –ao igual que na Idade Media ou na Antiga Roma- voltará a haber traballadores a xornada completa por baixo do limiar da pobreza. Situación moi cómoda para as tiranías pero pouco produtiva para o desenvolvemento sociocultural e científico da humanidade.

Faise preciso un proceso catárquico de ecdise, que nos permita desfacernos do corpiño que nos oprime impedíndonos medrar como individuos e como comunidade. Igual que os artrópodos fan coa súa muda, debemos deixar na beira do caminho aquelas personaxes grises e mediocres que non souberon ou non quixeron governar o territorio que lles encomendamos, que non conseguiron ilusionar á cidadanía con proxectos de futuro e que non quixeron nin queren ponher en valor a nosa capacidade para desenvolvernos como persoas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario