20 de xul. de 2011

Cousas veredes

--> Na pasada semana, a cidadanía ourensá tivemos a oportunidade de asistir a umha convocatoria de manifestación, cando menos curiosa. Tratábase dumha mostra de solidariedade con umha persoa a quen o Tribunal Supremo ratificou como culpábel de estafa continuada. O sacerdote Benigno Moure, máximo responsábel da Fundación San Rosendo -que xestiona en todo o país máis de medio cento de xeriátricos e casas de acollida, ademais de 4 hoteis e 3 balnearios do Grupo Caldaria- leva adiando con recursos e movimentos de toda índole o seu ingreso en prisión desde que fora condenado no ano 2008. A razón da condena: estafa continuada e apropiación indebida de 600.000 € a umha enferma con demencia senil.

-->
Así as cousas, semella inverosímil, mesmo nos tempos do sensacionalismo e da hipocresía, entender como alguén pode xustificar tal vileza. E pensando sempre que este fora un caso único; que nos cuase 20 anos de vida da “Fundación”, nacida con umha clara función social e relixiosa de atención aos máis necesitados, non se produciran máis casos semellantes.

Outra das cousas curiosas é comprobar que os convocantes da manifestación son as mesmas voces que esixen umha e outra vez a intervención nos actos susceptibles de incurriren en apoloxía dalgún dos delictos tipificados no Código Penal. Atendendo ao articulado do citado Código, concretamente ao artigo 18, a manifestación convocada para enaltecer ao autor do delito, para alén de disquisicións morais e políticas (ou, a mellor dicer, sectarias) sitúase na liña, na estreita liña da legalidade.

No que atinxe a un xuizo máis social, cómpre salientar que nin o partido político máis votado da cidade e da provincia, nin a conxunción de dúas entidades que din representar ao empresariado ourensán, nin os autocarros chegados de distintos pontos da provincia foron quen de encher os xardíns do Bispo Cesáreo, circunstancia que me tranquilizaría un chisco de non ser que aínda a día de hoxe non escoitei ningumha valoración ao respecto pola parte dos outros representantes políticos da sorprendida cidadanía. Será o verán.

Ningún comentario:

Publicar un comentario