22 de maio de 2013

Na lembranza, por sempre

Cuando me din que son demasiado vello
para facer algumha cousa, procuro facela deseguida
Picasso

De volta a casa, despois de pasar a tarde sen os sorrisos nin as miradas da persoa que me revitaliza día a día, tiven a sensación de que a cidade estaba triste. E deume por pensar a que se podía deber esa percepción. Se era pola comparación coa pequena Lara, que derrama a mancheas vida e enerxía; se pola sangría que a situación socio-económica está provocando no tecido laboral e empresarial; se acaso os mil e un casos de corrupción, que esgotan e desalentan á cidadanía ou se a ausencia dun clube deportivo nas competicións de elite.

Foi ao cruzar o Paseo que reparei nas ausencias. Cada ano son muitas as persoas do noso contorno que deixan de partillar con nós as rúas para pasar a formar parte da nosa lembranza. E neste ano, especialmente, noto a falla de 2 persoas que transmitían enerxía e ilusión por vivir.

Dumha parte Amando I. Moure, que cada mes das flores -por máis de 60 anos- confeccionaba o seu Maio sen máis intención ca de compartilo coa cidadanía ourensá e manter viva a súa festa máis querida. Afirmaba que a celebración perdera muito por non manter a festividade no día da Santa Cruz, mais non por iso deixaba de participar nela coa mesma ilusión e coas mesmas ansias reivindicativas con respecto a esta data, ao castelo da Peroxa ou a calquera feito que considerara inxusto. Era un pracer recibir o agasallo das súas coplas que repartía entre os amigos -como el dicía- que na realidade eramos todos, ou todos lle tiñamos o mesmo afecto.

Case nas mesmas datas deixounos o sorriso que iluminaba as rúas do centro e da cidade vella. Os ollos abertos e vivos, por baixo daquel cabelo branco, curto e sempre ben coidado, acompañaban o movemento vital da sempre elegante Elvira Cuevillas. A curiosidade e o atrevemento que nunca lle faltaron, facían da Elvira unha das persoas máis queridas e admiradas na vella Auria.

De existir un equilibrio natural, imaxino que destas perdas debemos aprender que tivemos a sorte de partillar tempo e espazo con esas persoas (e de seguro que con muitas outras), ao tempo que renovamos os azos de vivir cada día, ponhemos en valor a nosa contorna -colocando a percepción positiva das cousas por enriba da negativa- e abrímonos a novos coñecementos e novas sensacións a cada instante. No meu caso particular, quero ficar na memoria co abrazo do Amando e co ollar vivo e pícaro da Elvira. Deica sempre, queridos.

 

1 comentario:

  1. Desde aquí quero expresar o meu cariño e recoñecemento ao Sr. Amando, un grande amigo do meu avó Celso que tamén nos deixou recentemente. Posíbelmente hoxe estean a falar das súas cousas onde queira que sexa.

    ResponderEliminar